Monday 20 de May de 2024

O Fórum proxecta esta semana filmes de Isabel Coixet e Stèphanie Di Gusto


“La danseuse” de Stéphanie Di Giusto e “The bookshop” de Isabel Coixet, poderanse ver en versión orixinal subtitulada na sala Marilyn Monroe.

O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), impulsa esta semana seis novas sesións cinematográficas en versión orixinal subtitulada nas salas Fernando Rey e Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano.

O II Ciclo de Cinema e Danza, que comezou o pasado 31 de marzo co documental israelí ‘Mr. Gaga’ (2015), terá continuidade na sala Marilyn Monroe os días 7, 8 e 9, de abril coas proxeccións do filme francés ‘La danseuse’ (2016), dirixida por Stéphanie Di Giusto e baseada na obra de Giovanni Lista sobre Loïe Fuller, unha bailarina da belle époque. A obra, de algo máis de hora e media de duración, está protagonizada por Stéphanie Sokolinski, máis coñecida como SoKo, quen pon rostro á viaxe da bailarina estadounidense a Francia, onde se converte nunha icona do cabaret da belle époque e nunha recoñecida bailarina da Ópera de París.

Por outra banda, no marco do ciclo Cinema e Literatura, a sala Fernando Rey acollerá a proxección do filme ‘The bookshop’ (2017), da directora española Isabel Coixet, logo do inicio o pasado 31 de marzo cun clásico do cine indio, ‘Charulata’ (1964). O filme de Coixet, protagonizado por Emily Mortimer e Patricia Clarkson, está ambientado na Inglaterra de 1959 e conta a historia dunha muller nova que decide montar a primeira libraría do barrio, a pesar da forte oposición veciñal á súa decisión. Trátase dunha adaptación da novela homónima de Penelope Fitzgerald e foi dobremente galardoada polos premios Goya e Forqué como mellor longametraxe xunto co Goya á mellor dirección e mellor guión adaptado para Isabel Coixet.

As sesións de ambos filmes están previstas para o xoves 7 e venres 8 ás 20:00h, así como para o sábado 9 cunha cita dobre ás 17:30h e 20:00h. Ademais, no caso “La danseuse”, tras a sesión do espectador do sábado (17:30h) realizarase un coloquio sobre o filme co equipo de Programación Expandida do TRC Danza.

Venda de entradas para as proxeccións

A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas. Ademais, as sesións do espectador, programadas para os sábados ás 17.30 horas, teñen un prezo único de 1,50 euros.